A Deputación recibe no Museo de Pontevedra a doazón dun conxunto de cartas de Valle-Inclán e a súa muller Josefina Blanco
A entrega da correspondencia completouse coa doazón dun retrato de gran formato do escritor galego asinado polo pintor Florencio Maíllo
06/05/2025
A Deputación acaba de recibir no Museo de Pontevedra a doazón dun conxunto de 27 cartas, algúns telegramas e outros documentos da correspondencia entre o xeógrafo e antropólogo Luis de Hoyos Sainz e a familia Valle-Inclán: tanto con Ramón María como coa súa muller, a actriz Josefina Blanco, e o fillo de ambos, Carlos Luis. En paralelo, o Museo recibiu tamén a doazón un retrato do escritor galego asinado este mesmo 2025 polo pintor salmantino Florencio Maíllo.
A doazón da correspondencia entre Valle-Inclán e de Hoyos realizouna Andrea Vanoli Mouraret, herdeira desa documentación que atesouraba Luis de Hoyos Sainz. Está datada entre 1933 e 1936, isto é, nos últimos anos de vida do autor de “Luces de Bohemia”. O conxunto inclúe 13 cartas escritas por Ramón María del Valle-Inclán a Luis de Hoyos entre 1933 e 1935, nas que se aprecia a caligrafía e a peculiar sinatura do dramaturgo. A estas engádense outras 9 cartas asinadas por Josefina Blanco e dirixidas tamén a de Hoyos e outras 4 remitidas por Carlos Luis del Valle-Inclán.
A responsable do Arquivo documental do Museo de Pontevedra, María Jesús Fortes, sinala a importancia da doazón pola “transcendencia da figura de Valle-Inclán, a tremenda dispersión do que debeu ser o seu arquivo persoal, a escaseza de documentos que do escritor temos no Arquivo do Museo e a singularidade da serie epistolar como medio mais directo de acercarse ó carácter e circunstancias persoais dos seus autores”. Tanto Fortes como a directora do Museo, Ángeles Tilve, amosaron a súa gratitude á familia doante.
O antropólogo e xeógrafo Luis de Hoyos Sainz (Madrid, 1868-Madrid, 1951) introduciu en España técnicas e metodoloxías novidosas en áreas como a bioloxía, a xenética e a psicoloxía experimental. Foi director fundacional do Museo do Pobo Español en 1934 e presidente da Sección de Ciencias do Ateneo de Madrid e da Sociedade Española de Antropoloxía, Etnografía e Prehistoria. Foi un escritor moi prolífico, autor de gran cantidade de ensaios, artigos científicos e xornalísticos e de relatorios relacionados coa antropoloxía, a etnografía, a xeografía e a socioloxía española.
Doazón dun retrato
En paralelo á doazón deste lote documental, o artista Florencio Maíllo (Mogarraz, Salamanca, 1962) doou ao Museo un cadro da súa autoría: “Retrato de Ramón María del Valle-Inclán” (2025). Trátase dun retrato de grandes dimensións realizado en encáustica mixta sobre zinc, unha técnica na que a cera de abellas se utiliza como aglutinante dos pigmentos. O busto de Valle-Inclán centra a composición en primeiro termo, sobre un fondo no que se recoñece unha vista da ría de Arousa e na que destaca á esquerda a silueta da Torre de San Sadurniño de Cambados.
Florencio Maíllo é licenciado en Belas Artes pola Universidade do País Vasco e doutor pola Universidade de Salamanca, onde é profesor titular. Desde mediados dos anos 80 compaxina a súa labor docente coa investigación artística profesional nos campos da pintura, a escultura, a fotografía e a etnografía. Foi galardoado en varios certames nacionais de pintura e realizou máis de cen exposicións de pintura e escultura nacionais e internacionais.
Esta dobre doazón non sería posible sen a intervención dos investigadores Antonio Cea Gutiérrez, do CSIC, e José Manuel Castaño Blanco, da Universidade Rey Juan Carlos. Ambos estudaron o epistolario da familia Valle-Inclán e recomendaron á súa propietaria por herdanza, Andrea Vanoly, a idoneidade da nosa institución como receptora destes documentos. Ao mesmo tempo, pediron a Florencio Maíllo que realizase e doase o cadro que xa forma parte da colección do Museo.