Luis López e Rafa Domínguez adiantan a nova meta do Museo despois de recuperar a Bienal: expoñer “A derradeira lección do mestre”, obra cume de Castelao
O presidente e o vicepresidente provinciais inician as conversas co presidente do Centro de Galicia de Bos Aires, que custodia a pintura, para traer a obra a Pontevedra
02/10/2025
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, e o vicepresidente, Rafa Domínguez, veñen de manter un encontro co presidente do Centro de Galicia de Bos Aires, Jose María Alén, no Museo de Pontevedra para iniciar as conversas que deriven na cesión e exposición temporal do cadro de Castelao, “A derradeira lección do mestre”, obra cumio do intelectual galeguista, á institución provincial e que poida ser exposto ao público no vindeiro ano 2026. “Hoxe damos o primeiro paso para que Castelao poida impartir a súa ‘derradeira leición’ na súa segunda casa: o Museo de Pontevedra”, explicou o mandatario provincial despois do encontro.
“A derradeira lección do mestre” é a obra máis emblemática da colección Galicia Mártir, un conxunto de 31 debuxos repartidos en tres álbums sobre a Guerra Civil realizados polo artista e galeguista Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. O Museo de Pontevedra custodia estas obras de arte que inclúen o debuxo orixinal que serviu de base para a elaboración deste cadro de grandes dimensións polo que a Deputación e o Centro Galego de Bos Aires, que custodia a obra, están en conversas para o seu traslado temporal a Pontevedra. “A lámina orixinal do cadro de Castelao está aquí e nos parecía razoable abrir conversas para que o cadro tamén poida estar aquí, con todo o valor simbólico que ten expor unha das grandes obras do imaxinario cultural galego”, sinalou o presidente Luis López, quen definiu esta pintura como “unha lección de humanidade, de sensibilidade na homenaxe ao seu amigo asasinado, Alexandre Bóveda; de memoria histórica e de pacifismo e denuncia das atrocidades bélicas que desde a arte que xa promovemos na Bienal”.
Da relevancia de acoller esta obra no Museo de Pontevedra falou o vicepresidente Domínguez. “Se hai algo que fai recoñecible o museo de Pontevedra é sen dúbida Castelao. O Museo de Pontevedra non se comprende sen Castelao, e Castelao non se pode entender sen este Museo de Pontevedra. Aquí está a máis completa e estudada colección de Castelao. Pero tendo a mellor colección de Castelao, a súa obra cume non só non está aquí, senón que nunca chegou a estar exposta no Museo. Desde que chegamos ao Museo de Pontevedra tiven unha obsesión: Que a obra cume de Castelao puidese vir ao Museo de Pontevedra para dialogar con resto da súa obra”, contextualizou Domínguez para dar a coñecer a intención da Deputación é expoñer no Museo provincial a obra ‘A derradeira lección do mestre’, de Castelao, no vindeiro ano 2026.
Pola súa banda, o presidente do Centro de Galicia de Bos Aires tamén amosou a súa satisfacción pola posibilidade de expoñer este cadro no Museo de Pontevedra. “A disposición é máxima para que os galegos non teñan que ir a Bos Aires para velo e podan facelo aquí”, sinalou Jose María Alén, quen engadiu que “A Derradeira Lección do Mestre son símbolos de Galicia indiscutiblemente e non é propiedade do Centro de Galicia de Bos Aires é de toda Galicia e de todos os galegos”. A directora do Museo de Pontevedra, Ángeles Tilve, salientou tamén a estreita relación entre Bos Aires e Galicia arredor da figura de Castelao, desde onde chegou a lámina orixinal ata o Museo e que “esta iniciativa poida ser una realidade alegraría moito a Castelao”.
Ano Castelao e Bienal
Co gallo da celebración do Ano Castelao e despois de clausurar a 32 edición da Bienal de Arte de Pontevedra, que regresou este ano a Pontevedra despois de 15 anos de ausencia, o Museo de Pontevedra segue demostrando que é un potente motor para a cultura. “A través da cultura tendemos pontes cunha terra irmá como é a quinta provincia galega: Arxentina e avanzamos para reforzar o Museo como epicentro cultural de Pontevedra e de Galicia, e niso ten a maior parte do mérito o vicepresidente Rafa Domínguez”, recoñeceu o dirixente provincial.
“A nova dirección do Museo está a dar moi bos resultados. Tivemos a exposición temporal con máis visitas dos últimos 15 anos, ‘A era dás fábulas’: a recuperación da Bienal, 15 anos perdida, e acolleremos o congreso ICOM, que reunirá aos mellores museos de Europa nos próximos días. Son algúns dos moitos exemplos desta capacidade de traballo que realizamos en apenas dous anos”, salientou o vicepresidente nun encontro no que tamén estivo presente a directora do Museo, Ángeles Tilve.
Luis López e Rafa Domínguez concluíron co “agradecemento” ao Centro de Galicia de Bos Aires “pola súa xenerosidade, por abrirse a permitir que os pontevedreses e galegos volvan ver exposto o cadro en casa e por compartir estes lazos de admiración, afecto e promoción do patrimonio que nos unen a través de Castelao”.